A pluma de Filipina


O 18 de novembro é símbolo de festa, recordo e agradecemento nos colexios Sagrado Corazón e, en Placeres, témolo moi presente.

Nesta data lembramos a vida de Santa Rosa Filipina Duchesne, primeira misionera do Sagrado Corazón.

A súa vida estivo marcada pola fe, a entrega e o desexo de levar o amor de Xesús a todos e todas, especialmente aos máis necesitados. 

Con valentía e espírito misioneiro, cruzou océanos para anunciar o Evanxeo e servir aos indios Potawatomies, "guardiáns do lume", un poboado indíxena orixinario dos Grandes Lagos norteamericanos. 

O seu exemplo de humildade, perseveranza e amor segue inspirándonos hoxe a vivir a nosa misión con corazón aberto e xeneroso.

O alumnado da aula Verde traballou arredor do relato "A pluma de Filipina, que vos compartimos a continuación: 

Hai moito tempo, nun lugar cheo de árbores altas e ríos limpos chamado Sugar Creek, vivía unha persoa moi especial. Chamábase Rosa Filipina. Viña dun país moi afastado, ao outro lado do mar.

Filipina xa era maior e camiñaba amodo. Ademais, custáballe moito falar a lingua dos seus novos amigos, os indios Potawatomi. Ás veces sentíase un pouco triste porque quería contarlles historias bonitas, pero as palabras non lle saían.

Un día, un neno potawatomi chamado Nube Pequena (o seu nome indio) viuna sentada en silencio. Filipina tiña os ollos pechados e as mans xuntas. Estaba rezando con moito agarimo por todos os nenos da tribo.

Nube Pequena quixo facerlle un agasallo para darlle as grazas polo seu amor. Buscou entre a herba e atopou unha pluma moi suave. Recolleuna con coidado e achegouse sen facer ruído.

Con moita delicadeza, o neno colocou a pluma enriba do manto escuro de Filipina.

Pasaron as horas. Saíu a lúa e brilaron as estrelas.

Filipina seguía alí, quieta, coidando de todos coa súa oración. 

Cando chegou a mañá, Nube Pequena volveu mirar. A pluma seguía no mesmo sitio, sen moverse nin un pouquiño!

O neno sorriu feliz. Comprendeu que non facían falta moitas palabras para querer os demais.

Desde aquel día, todos chamaron a Filipina «A muller que sempre reza».

E gardaron aquela pluma como recordo de que o amor séntese no corazón, mesmo en silencio.

Desenvolveron actividades sensoriais para traballar a calma e a atención pasando unha pluma suave polas mans e as meixelas, puxeron en valor os xestos, os sorrisos e a propia presenza como formas de comunicación non verbal, reescribiron de forma cooperativa o conto, debuxaron creativamente unha pluma como símbolo de coidado e paz e bautizáronse cun nome indio, respectando a tradición indíxena: Lúa Amable, Vento Veloz, Gran Estrela, Águia Inqueda, Río Tranquilo, Nube Curiosa, Lobo Solitario e Pluma Sabia.  Qué vos parecen? Recoñecedes a cada un? 



Feliz día!


Comentarios